Arraianas é unha asociación sen ánimo de lucro que traballa en prol da xustiza social e polo cumprimento dos dereitos humanos.
Somos “Arraianas” porque entendemos a fronteira como un espazo de confluencia. Un lugar permeable no que se producen movementos de persoas, intercambios culturais, de saberes e de experiencias. Así, a fronteira convértese nun tránsito fluído no que o mutuo recoñecemento das persoas potencia a súa capacidade transformadora. É por isto que baseamos a nosa forma de traballar na transculturalidade xurdida de devandito espazo.
Partindo desta forma de entender a intervención social, posicionámonos como unha ponte entre as persoas que carecen de recursos, medios ou información, e a consecución dos seus dereitos inalienables, a través da prestación de servizos profesionais especializados. Pretendemos unha sociedade máis xusta e intercultural, desde o respecto ás persoas e a humildade cultural. Buscamos propiciar o empoderamento das persoas en risco de exclusión, incrementando así as súas potencialidades como axentes de cambio, de cara a consecución dunha sociedade máis xusta e intercultural.
En Arraianas traballamos desde diversas áreas de intervención, prestando especial atención ás persoas migrantes e ás mulleres, de cara a favorecer a igualdade de oportunidades e a súa participación activa na sociedade. O noso equipo de intervención interdisciplinaria está formado por persoas con diversas bagaxes profesionais, acadadas ao longo da súa experiencia en diferentes eidos da intervención social. Isto permítenos ofrecer unha serie de servizos especializados, como son a atención xurídica, social, psicolóxica, socioeducativa e sociolaboral.