Despedíamos o ano coa noticia de que a un famoso músico inglés foille outorgada a nacionalidade española. Se ben é certo que no noso ordenamento recóllese a posibilidade desta situación, esta invita a reflexionar sobre por qué unhas persoas estranxeiras merecen un trato diferenciado respecto doutras.
Ao fin e ao cabo, a concesión da nacionalidade española por esta vía é unha decisión política, posto que o suxeito decisor é unilateralmente o Goberno, que por medio do Consello de Ministros, ten a postestade de realizalo. Supón, en todo caso, un privilexio, un abuso de poder político sustentado nun concepto xurídico indeterminado como son as circunstancias excepcionais.
Como tamén é unha decisión política, dentro do noso ordenamento legal, que moitas persoas migrantes non poidan regularizar a súa situación administrativa. Todo debe poñerse en contexto, ambas situacións abórdanse dende leis distintas, unha dende o Código Civil e outra dende a Lei de Estranxeiría, pero que na realidade, atopan relación ao verse contida a segunda dentro da primeira. É preciso cumprir unha serie de requisitos da Lei de Estranxeiría, para poder adquirir a nacionalidade española. Ou non, daquí o controvertido da decisión.
En ambos casos falamos de decisións políticas, de dereitos, de desigualdade, de privilexios e, polo tanto, de xustiza social. Decisións políticas que conlevan situacións de vulneración de dereitos, de incertidume, de exclusión e que xeran violencia. Pois a violencia non ten por qué ser soamente física, senón que hai fórmulas de producila con maior sutileza, pero con iguais consecuencias.
Son as decisións políticas as que categorizan, privilexiando a persoas migrantes e promovendo o racismo. Con maior motivo, cando se trata de facelo con persoas brancas e europeas por enriba doutras moitas que acumulan retrasos nas súas solicitudes de nacionalidade española por máis de tres anos. Máis cando esas persoas atopan na nacionalidade a oportunidade de reagrupar aos seus familiares, separados como consecuencia da Lei de Estranxeiría.
Nacionalidade española, que non só serve para ter un dos pasaportes máis privilexiados, se non que serve como acceso a un disfrute completo de dereitos, como pode ser o dereito político de poder participar tanto de forma activa, como pasiva, nas eleccións (só aquelas persoas con residencia en determinados países cos que o Estado ten convenios poderán participar nas eleccións municipais e autonómicas).
Formar parte da comunidade política debe materializarse a través de ter recoñecidos os dereitos políticos. Esto non pode sustituirse por unha mera participación na opinión pública, a participación civil asociativa, os dereitos de reunión e manifestación. Todos eles poden completar os dereitos políticos da cidadanía, pero non sustituilos.
Como consecuencia, non se pode falar de integración real, cando se esá impedindo desenvolver a capacidade de decisión política dun numeroso grupo de persoas, cuxa limitación para a participación é a nacionalidade e, polo tanto, non poden participar na vida pública como o resto da cidadanía. Como resultado, parece difícil que se leven a cabo políticas públicas destinadas ao colectivo migrante se a súa representación política institucional é prácticamente inexistente.
Tomar decisións nun sentido ou outro, ou non tomalas, ten incidencia e influencia na vida de miles de persoas coas que convivimos nas nosas cidades e os nosos barrios. En definitiva, decisións que sustentan o que comunmente denominamos racismo institucional e que, dende a nosa posición de privilexio, non somos conscientes do que supoñen.
Porque os nosos lazos de loita e solidaridade deben ser capaces de denunciar as identificacións por motivos raciais, os CIEs, os voos de deportación, as devolucións en quente, a falta de acceso a determinados recursos e dereitos, a ausencia de recoñecemento legal de persoas refuxiadas, os problemas á hora de denunciar delitos por parte de persoas en situación administrativa irregular. E unha lista interminable, sobre a que se fundamenta o racismo no noso territorio.
Por un 2021 máis antirracista.