Entre o 29 de setembro e o 3 de novembro desenvolveremos esta nova formación. O obxecto principal é ampliar e mellorar as competencias dixitais das persoas asistentes, así como reducir dentro do posible calquera tipo de fenda dixital existente, sobre todo no que se refire a coñecementos e práctica no uso das tecnoloxías da información e da comunicación.
A formación será presencial e terá unha duración total de 20 horas, distribuídas en 10 sesións de 2 horas a realizar os luns e os mércores de 10:30 a 12:30 no Centro Sociocultural José Saramago de Vite.
O deseño desta formación estruturase ao redor de 4 módulos de contidos. Non obstante, as principais referencias serán as necesidades, motivacións e intereses das persoas asistentes, recoñecendo a súa diversidade e partindo da súa experiencia e nivel de competencia.
Módulo 1: Dispositivos, sistemas operativos e aplicacións.
Abarcará todo aquilo que garde relación co uso de dispositivos móbiles e ordenadores, centrando a atención na configuración e funcionamento dun sistema operativo, na utilización de diversas aplicacións informáticas e no coñecemento de aspectos básicos relativos á seguridade informática.
Módulo 2: A Rede e a sociedade do coñecemento.
Os contidos deste módulo son aqueles que fan referencia á Rede e ás repercusións da súa existencia na sociedade actual. Entre outras cousas, trátase de entender na práctica que é Internet, como funciona, cales son as posibilidades que nos ofrece, así como tamén cales son os riscos inherentes ao seu uso.
Módulo 3: O internet das persoas... e das cousas.
Inmersión práctica no uso das tecnoloxías da información e da comunicación como ferramenta para responder tanto ás necesidades do día a día coma aos intereses e motivacións persoais. Poñerase por tanto o foco nas necesidades e intereses das persoas asistentes, con especial atención á utilización de servizos e plataformas destinados á realización de trámites, á busca activa de emprego e á procura de todo tipo de recursos, como por exemplo vivenda ou cursos de formación.
Módulo 4: Identidade dixital e seguridade.
Tratamento de todo o relacionado coa identidade dixital e seguridade na Rede, incluíndo, entre outros aspectos, a obtención, custodia e utilización de certificados dixitais, sinatura dixital, sistemas alternativos de identificación persoal, perfís dixitais, big data e cesión de datos persoais.
Se estás interesada/interesado nesta formación, ou se precisas máis información, contacta con nós.
Saúde!