Este venres día 20 ás 19h no museo das Peregrinacións, na praza de Praterías, preséntase o libro "Contrastes, poemas e relatos" do que é coautora a nosa colaboradora Isabel Méndez Naya entre outros.
Participarán no evento Gonzalo Sáez, Secretario de Arraianas, Concepción Losada, Presidenta do Museo do Pobo Galego, Isabel Mendez Naya, coautora, Roberto Leal, actor e Valentín García, Secretario Xeral da Lingua. Tamén haberá unha actuación musical da man de Irma Macías e Luis Pinto. Alí estaremos participando do evento no que podes colaborar con Arraianas ao facerte cun exemplar do libro 📚📚📚
Como non podemos expresarnos mellor que a prologuista do libro, Tareixa Navaza González, poñemos a súas palabras:
«Isabel, os teus sentimentos convértente nunha persoa rica».
Cando a coñecín foi coma se atravesase un bosque iluminado onde mesmo se escoitase respirar as follas. En realidade non deixamos de ser coma plantas entre a terra e a luz.
Isabel é rebeldía, compromiso. Ama, observa... a súa experiencia e o acto máis humanizador.
Utópica, humilde; conxuga a primeira persoa do plural. Soña coa xustiza, coa posibilidade de oportunidadespara todas e todos, con saber ela mesma vivir mellor, AFINARSE coma un instrumento musical.
Se Ernesto Cardenal a tivese coñecido diría que é melodía, acordes, arpexos, danza. Ten a danza da enerxía. O ritmo cósmico son os tambores, o espírito humano os ins-trumentos de vento, a intelixencia os de corda.
A vida mesma é unha danza. Ser ti e os demais. Así xorde «Contrastes». Trinta e tres amigas e amigos responden ó seu chamamento. O silencio abre as portas ós verdugos. A xenerosidade das amizades de Isabel afástaas dos indiferentes, deses que estragan o mundo.
A vida vai de camiñar, de mover a vontade colectiva. Todas teríamos que ter unha voz así, que nos lembre que sempre hai un camiño para regresar á casa.
En «Contrastes» atoparán poemas e relatos; Poemas que falan de terras prometidas, fronteiras, soños, inmigrantes, infancia, complicidades, abrazos.... e Relatos que explican viaxes, adaptacións, bolardos, idiomas, pai de ollos azuis, eclipses e faros, a Babel peregrina ou a chuvia compostelá.
«Contrates» en apoio, como galano, á ONG Arraianas, que son ponte entre as persoas que carecen de recursos, medios ou formación con especial atención ás persoas migrantes e ás mulleres. E de súpeto lembro esa fonda e laica plegaria de Benedetti "Padre nuestro que estás en el exilio casi nunca te acuerdas de los míos, de todos modos donde quiera que estés santificado sea tu nombre, no quienes santifican en tu nombre cerrrando un ojo para no ver las uñas sucias de la miseria".
«Contrastes», insisto, é un agasallo para Arrainas. Isabel coma Luisa Villalta anda por Santiago pisando estrelas. Ten a capacidade de argallar proxectos, de democratizar a vida. Quenta os nosos corazóns. Danos esperanza, vigor, futuro, a emoción da obra en marcha. Constrúe para protexer contra todas as intemperies. Unha e outra vez.
Concepción Arenal expresouno atinadamente: Algo semella imposíbel ata que se consegue. Isabel ten enerxía porque cre no que fai. É un lóstrego que racha as sombras (O. Paz). Ela que ten mil razóns para vivir é unha espectadora privilexiada contra esta realidade violenta, tentando reconstruír as ruínas.
Isabel voa coma un paxaro multicolor. Onde se pousará despois de «Contrastes»?
Tareixa Navaza González.
Moitas grazas Isabel!