O Programa Aloia ten como fin promover a inclusión e a participación activa, o apoderamento e o fortalecemento de redes, habilidades e coñecementos que permitan incrementar a autonomía das mulleres migrantes para facilitar o seu pleno desenvolvemento na sociedade de acollida e unha mellora do nivel de empregabilidade.
A intervención planificada basease nunha atención integral e personalizada impulsando sempre os principios transversais de igualdade de oportunidades e non discriminación.
Ben é certo que existen na cidade recursos de cara a dar cobertura aos procesos de transición ao emprego, sen embargo a existencia de recursos que proporcionen resposta a necesidades específicas das mulleres migrantes é moi limitada. É por isto que a través do programa Aloia de atención integral a mulleres migrantes, se pretende dar cobertura ademais de ás necesidades propias das mulleres en situación de especial vulnerabilidade, ás relacionadas co feito de ter migrado, tales como:
- O traballo co proceso migratorio e identitario.
- O coñecemento dos dereitos como cidadás de cara ao apoderamento e a participación cidadá.
- A prevención da perpetuación interxeracional dos estereotipos de xénero.
Levaranse a cabo diversas actividades coa posibilidade de estar organizadas en torno a un itinerario de inclusión sociolaboral. Son as que seguen:
- Servizos de orientación e información sobre recursos singularizados de atención, orientación e asesoramento persoal e social, así como de apoio directo nas relacións con outras entidades e organismos.
- Servizo de atención psicolóxica.
- Asesoramento xurídico.
- Servizo de mediación intercultural e/ou familiar.
- Actividades para a adquisición de habilidades persoais e sociais ou de competencias para a mellora da empregabilidade.
- Servizo de orientación laboral e de acompañamento na procura de emprego, tamén por conta propia, asesoramento no emprendemento e prospección do mercado de traballo, intermediación e tutorización laboral e profesional.
Aloia está financiado pola Consellería de Política social e Igualdade da Xunta de Galicia.