Ardora

Consellería de Sanidade

Prevención de condutas aditivas

Este proxecto xorde a raíz de valorar que o consumo de drogas é un fenómeno amplamente estendido en moitos sectores da poboación. Dende Arraianas consideramos importante traballar en materia de prevención, favorecendo así os hábitos de vida saudable e reducindo deste xeito, o custe en tratamentos posteriores debidos ao desenvolvemento de condutas aditivas. Tendo en conta que os concellos con pouca poboación en contadas ocasións dispoñen dun servizo a tales efectos, consideramos presentar unha proposta para unha agrupación de concellos, podendo así facer fronte á eiva detectada. Xorde así o Proxecto Ardora, que conta cunha Unidade de Prevención de Condutas Aditivas e que ten como zona de actuación os concellos de Sobrado, Vilasantar, Curtis e Silleda. O Proxecto conta con duas liñas principais:

  • A Unidade de Prevención de Condutas aditivas propiamente dita, situada na sede de Arraianas e que conta coa infraestrutura e os medios técnicos precisos para a coordinación e desenvolvemento das actividades. O persoal que conforma dita unidade está composto por unha educadora social, unha psicóloga e persoal colaborador (educadora, avogado e equipo voluntario) con experiencia no eido da prevención.
  • Programas da Carteira de Servizos en diversos eidos:

    Saúde na escola (PPCEE). (Eido Educativo) As actividades deste programa están enfocadas á intervención co alumnado de 5º e 6º de Primaria así como á poboación mediadora, tendo como finalidade promover a adopción de estilos de vida saudables, potenciar factores de protección e reducir o impacto dos factores de risco presentes.

    Non pasa nada, pasa algo? (Eido Educativo) Dirixido ao alumnado de 4º de ESO, contempla distintas sesións nas que se afondará nos mitos e crenzas sobre as drogas, na evolución condutual do uso á dependencia das diferentes substancias así como nas habilidades de afrontamento.

    Aloumiños (programa propio da entidade). (Eido Educativo) Dirixido ao alumnado de 2º de ESO, ten por obxectivo xeral facilitar o desenvolvemento de ferramentas de afrontamento e protección ante situación de consumo, xogo patolóxico, violencia e/ou maltrato, favorecendo o aumento da autoestima e o autocoidado.

    Activa. (Eido Xuvenil) Ten como actividades a elaboración e difusión de material didáctico e divulgativo de carácter preventivo, buscando favorecer hábitos de vida saudable e o bo trato. Formación de mediadoras e mediadores xuvenís. Información e promoción de actividades de ocio saudable.

    Máis que un teito. (Eido Familiar) Dirixidas á poboación adulta (pais, nais e titores/as) con crianzas entre 5 e 12 anos que acudan aos CEIP dos distintos concellos nos que opera o Proxecto Ardora.

    En familia, todxs contan. (Eido Familiar) As actividades deste programa van dirixidas á poboación adulta (pais, nais e titores/as) de familias con fillos e fillas adolescentes que se atopan en situación de risco en relación co consumo de substancias nocivas para a súa saúde.

    Entre todxs. (Eido Familiar) Intervención terapéutica dirixida a familias empadroadas nos distintos concellos nos que opera o Proxecto Ardora nas que se presente algún patrón de consumo aditivas.

    Ademais ofertarase información relacionada co Proxecto Ardora e sensibilización no eido da prevención do desenvolvemento de condutas aditivas á poboación xeral.