O contacto intergrupal mellora as relacións afectivas e reduce a percepción de ameaza entre membros de diferentes grupos. É por isto que consideramos a Educación Intercultural moi axeitada para adquirir coñecementos sobre os e as demais e botar por terra estereotipos e prexuízos racistas.
Así, decidimos elaborar un obradoiro para traballar co estudantado actitudes, valores e comportamentos democráticos de cara á igualdade. Dito obradoiro vai dirixido ao alumnado de 5º e 6º de primaria e aos dous ciclos de ESO. Para desenvolvelo empregamos unha metodoloxía activa e participativa con técnicas orientadas ao contacto intergrupal, á aprendizaxe cooperativa ou ao incremento do autocoñecemento, favorecendo así a percepción de similitudes entre grupos, a personalización, a xeración de identidades múltiples e categorías transversais, a recategorización, a creación de identidades comúns e a redución da percepción de ameaza.
O obradoiro consta de catro sesións, cada unha delas cunha duración de 50 minutos aproximadamente. Realizarase baixo a demanda/solicitude de centros educativos, ANPAS e outros organismos públicos ou privados.